O edificio, construído en 1905, é un exemplo das vivendas familiares que conformaban a trama urbana de Vila de Cruces. Unha das poucas mostras de arquitectura da época que se conserva nun planeamento que aposta pola demolición e o crecemento en altura.
Antes de comezar as propias obras de rehabilitación, procedeuse á eliminación daquelas partes que estaban danadas ou que empobreceron a arquitectura da vivenda.
Proponse unha estrutura de madeira de abeto laminado en dúas ordes, apoiada sobre os tradicionais muros de pedra existentes cuxo ritmo de correas marca as estancias. A escaleira, pegada á fachada lateral, resolve o acceso existente á vez que estrutura e organiza a vivenda.
Respectamos a tipoloxía de ocos existente, restaurando os que foran alterados ao seu estado orixinal. Configúrase unha nova cuberta que respecta as pendentes da arquitectura tradicional e dota á vivenda dun maior interese espacial e lumínico.
A demanda programática elévase nas tres alturas do edificio, planta semisoto, planta baixa e planta alta. As zonas comúns sitúanse en contacto directo cos accesos desde o exterior. Na planta superior, máis reservada, están os dormitorios.