A proposta parte da necesidade de resolver o problema de mobilidade obxecto de concurso e a transformación do último tramo da rúa Ramón Cabanillas.
A comunicación vertical resólvese a través dun elemento único, case un obxecto escultórico. O ascensor marca o punto de comunicación e ao seu redor, a escaleira desenvólvese en espiral. Xérase un obxecto no baleiro, convertendo o límite nunha oportunidade.
A cuberta do volume do ascensor enmarca o acceso no nivel superior facendo máis agradable e protexida a espera, creando unha percepción clara do elemento no lugar e facilitando o entendemento da contorna.
O ancheamento da beirarrúa na Avenida de Arteixo permite camiñar, conversar, observar, decidir. Aprovéitase o alargamento da vía e as cualidades que isto aporta nun lugar con tal densidade de edificación. A nova peza dinamiza a relación entre ambas rúas (Avenida de Arteixo e Ramón Cabanillas), propiciando que a comunicación co nivel inferior se produza con fluidez.
Un só material xera os novos pavimentos, a escaleira e o volume do ascensor, dando continuidade á actuación e deixando espazo ao bulicio da cidade. A riqueza é aportada polo cidadán.
En Ramón Cabanillas, a primeira decisión de proxecto é xerar unha plataforma única. Tomamos como referencia o termo neerlandés woonerf que se podería traducir como “patio vivo”; buscamos transformar a rúa nun espazo de socialización real, onde a xente poida atoparse, os nenos xoguen e os peóns camiñen libremente.
Son estes movementos peonís e a limitación da circulación rodada os que determinan a configuración do espazo. O mobiliario e a vexetación o conforman.
A proposta dun espazo de convivencia e accesible, cualificado coa vexetación e vinculado ao mercado municipal, mellora as posibilidades de relación veciñal e potencia a actividade terciaria da zona.
PRIMEIRO PREMIO